Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un camioneiro tivo que ser rescatado polos bombeiros tras envorcar o seu vehículo en Verín

Un camioneiro foi rescatado polos bombeiros ao envorcar o vehículo que conducía en Verín.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o accidente produciuse pouco antes do mediodía na OU-113, ao paso por Vilamaior do Val. Alí acudiron os Bombeiros de Verín para liberar ao condutor atrapado no interior do camión como consecuencia do impacto. Unha vez fóra, o ferido puido ser atendido polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, posteriormente, evacuado ao centro hospitalario da vila.

En canto á carga do camión, que transportaba algo máis de 4.000 litros de combustible, confirman os axentes da Garda Civil de Tráfico que apenas detectaron un pequeno goteo procedente con toda probabilidade da válvula de presión.

En todo caso, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas.

Dous atropelos na Coruña
Por outra banda, o 112 Galicia tivo coñecemento esta mañá de dous atropelos na cidade da Coruña. O primeiro produciuse pouco despois das nove desta mañá, cando un vehículo alcanzou un peón á altura dun paso habilitado na Rúa de San Leandro. Co fin de ofrecer asistencia médica, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Máis tarde, despois das dez da mañá, tiveron que acudir á Rúa Padre Feijoó para atender a unha muller e un menor, que foron atropelados por un vehículo. Así o indicou unha persoa particular que chamou ao 112 Galicia para dar conta do que pasaba. Ademais, insistiu na necesidade de asistencia sanitaria urxente debido ás lesións que presentaba a señora.