Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

O condutor dun tractor sofre un forte golpe na cabeza ao caer co vehículo por un terraplén en Coristanco

O condutor dun tractor golpéase fortemente na cabeza ao caer co seu vehículo por un terraplén en Coristanco.

Ás 11:30 horas de hoxe activouse no 112 Galicia a alerta por este accidente de tractor rexistrado nunha finca privada do concello coruñés. A información chegou ao servizo de emerxencias mediante un aviso do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazaba ao lugar do sinistro para atender á persoa implicada no accidente, que presentaba un forte golpe na cabeza. Malia que estaba consciente, o ferido presentaba unha importante lesión que levou ao equipo médico a trasladalo ao centro hospitalario de referencia.

Para colaborar cos profesionais sanitarios, desde o 112 Galicia avisouse aos membros do GES de Ponteceso e prealertouse aos Bombeiros de Carballo por se fosen necesarios. Sen embargo, o equipo médico confirmou que, malia o impacto, a persoa estaba liberada e accesible.

No operativo tamén estiveron os axentes da Policía Local.

Accidente laboral en Teo
Por outra banda, o 112 Galicia tivo coñecemento dun accidente no ámbito laboral, no que se viu implicado un operario ao caer nun foso dentro dun taller mecánico.

Ocorreu ao fío do mediodia nun establecemento situado na Travesía de Cacheiras, Teo, a onde se dirixiu un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a bordo dunha UVI móbil. O persoal sanitario contou co axuda dos efectivos do servizo local de Protección Civil.

Os bombeiros interveñen para liberar ao ocupante dun turismo que bateu contra un camión estacionado en Cee

O 112 Galicia rexistrou esta mañá un accidente de tráfico no que deberon intervir os bombeiros para liberar ao ocupante, atrapado por unha perna.

Sucedeu preto das nove de hoxe nos Camiños Chans, en Cee, tal e como indicou a persoa que chamou ao número de emerxencias para informar da situación.

En concreto, o turismo no que viaxaba o ferido bateu contra un camión que estaba estacionado. Como consecuencia do impacto, o coche envorcou de lado e o ocupante quedou atrapado no interior por unha perna, o que obrigou a intervir aos Bombeiros de Cee para liberar ao ferido e facilitar a atención por parte dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Finalmente, o ferido foi evacuado ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, mentres que da limpeza dos restos do accidente tamén se encargaron os bombeiros. Deste xeito, restablecéronse as condicións de seguridade na vía, que permaneceu cortada en ambos os dous sentidos o tempo que duraron os traballos de asistencia e mantemento.

Cómpre sinalar que neste operativo contouse, tamén, coa colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico.