Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha persoa resulta ferida en Carnota tras quedar atrapada no vehículo ao dar varias voltas de campá

Os membros do GES de Muros excarceraron á persoa do interior do vehículo. 

Ao fío das 11:30 horas desta mañá, unha persoa particular informaba ao 112 Galicia dun coche que dera varias voltas de campá no lugar de Vilar, na AC550, en San Mamede de Carnota. Aseguraba que o condutor presentaba dificultades para saír do interior do turismo

Con estes datos, os xestores do 112 deron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Cee, ao GES de Muros e aos axentes de Tráfico. Tamén foron informados os axentes da Policía Local e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Tras chegar ao punto, os membros do GES liberaron á persoa, que foi trasladada en ambulancia polo persoal sanitario.

O CIAE leva xestionadas case 300 incidencias a causa da borrasca Karim nas últimas 24 horas

Inundacións en vías secundarias e a retirada de árbores e pólas nas estradas foron as tipoloxías que mais se repetiron.

Así, desde as 12: 00 horas de onte, momento no que a nosa comunidade comezou a sentir os efectos desta borrasca, ata as 12:00 horas deste mediodía, o 112 Galicia leva xestionadas un total de 283 incidencias.

A provincia da Coruña segue sendo a máis afectada cun total de 134 incidentes, 108 na de Pontevedra, 20 incidencias rexistradas na provincia de Ourense e 21 na de Lugo.

As choivas persistentes e a retirada de árbores, pólas e outros obstáculos das estradas, ocupan o groso das tipoloxías.

En ningún caso houbo que lamentar danos persoais, aínda así, no 112 Galicia constan as chamadas de varios particulares que informaban de distintos puntos anegados en estradas secundarias e rúas por mor das choivas, ao seu paso por Muxía, Ponteceso, Zas, Vimianzo, Coristanco e Dumbría entre outros.

Así mesmo, o 112 Galicia tamén tivo constancia de que a chuvia caída anegaba o inmoble do Punto de Atención Continuada de Vimianzo, segundo indicaban os sanitarios que daban conta do incidente, a auga dificultaba a entrada nas consultas do edificio.

Ademais, varios particulares sufriron os efectos desta borrasca  ao manifestar problemas co alumeado en lugares de Vilanova (Ponteareas), en Teis (Vigo) e Vedra entre outros. Todos os afectados indicaban que non tiñan luz nas vivendas nin nas vías públicas.