Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un accidente deixa ferido a un cazador en Parada de Sil ao disparárselle a escopeta

O home, que mentres practicaba esta actividade en Cordelle, no lugar de Chamoso, e ao que se lle disparou a arma accidentalmente, non parecía revestir gravidade, segundo indicaron os efectivos de Protección Civil de Parada de Sil.

Foron precisamente os membros desta Agrupación de Voluntarios os que, sobre as 11:30 horas acudiron ao punto para prestar axuda ao cazador.

Tras ter coñecemento do suceso informaron e solicitaron asistencia sanitaria ao 112 para o home, que estaba ferido nun pé.

Con estes datos, os xestores de emerxencias pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Garda Civil.

Unha vez no punto, os membros de Protección Civil acompañaron ao ferido ata o campo de fútbol da localidade onde o agardaba unha ambulancia e que, finalmente, trasladouno ata o centro sanitario de referencia.

 

Baixo observación os ríos Miñor, Támega e Arnoia tras superar os limiares establecidos

Os sistemas de control e seguimento indican que o crecemento nos ríos Miñor en Gondomar, o Támega en Rabal e Castrelo do Val e o Arnoia ao seu paso por Baños de Molgas superaron os limiares polo que cabe agardar enchentes puntuais e posibles desbordamentos.

De feito, fai escasamente media hora,  a Garda Civil solicitaba medios ao 112 Galicia para sinalizar o corte dunha estrada local nesta vila, debido á crecida do río Arnoia ao seu paso por Baños de Molgas. Os Bombeiros de San Cibrao das Viñas e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, atópanse traballando no punto.

Por iso, a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Inungal ante a posibilidade de producirse desbordamentos puntuais.

O 112 Galicia, co fin de adoptar as medidas de protección necesarias, informou aos servizos de emerxencias das zonas.