Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un home perde a vida despois de quedar atrapado baixo un tractor en Mugardos

O condutor dun tractor foi localizado sen vida baixo a máquina que manexaba nunha leira situada en Franza, no concello coruñés de Mugardos.

Tras recibir o aviso no 112 Galicia, ás 10:30 horas desta mañá, acudiron ao lugar dos feitos os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os membros do GES de Mugardos para confirmar, unha vez no punto, que o home estaba atrapado baixo o vehículo xa sen constantes vitais.

Os axentes da Garda Civil, da Policía Local, os Bombeiros de Ferrol e os efectivos de Protección Civil da localidade tamén foron informados do suceso, do que informou ao 112 Galicia unha persoa particular.  

Un operario sofre lesións importantes ao caerlle enriba unha vaca en Barreiros

Todo ocorreu no lugar onde está situada a explotación agrícola para a cal o home traballa, en Ladrido, no concello de Barreiros.

Unha persoa particular foi quen chamou ao 112 Galicia, sobre as dez e media desta mañá,  para solicitar asistencia sanitaria para un traballador que resultara ferido. Tras a conversa, o alertante indicou aos xestores de emerxencias que unha vaca caera enriba do operario.

Así, con estes datos, desde o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil e de Protección Civil da localidade.