Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Dúas persoas resultaron feridas despois de ter un accidente contra un tractor en Monterrei

Unha colisión entre dous coches e un tractor rematou, esta mañá, con dúas persoas feridas no concello ourensán de Monterrei.

Pasados uns minutos das 09:00 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que informou do accidente, producido no punto quilométrico 171 da estrada N-525, lugar pertencente á parroquia de Albarellos. Nese momento, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos membros de Protección Civil da localidade, aos Bombeiros de Verín e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061.

Co fin de garantir e restablecer a seguridade da vía, o 112 tamén informou ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento de estradas.

Finalmente, os servizos sanitarios de urxencia confirmaron o traslado das dúas persoas feridas ao Hospital de Verín.