Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

O condutor dun camión de madeira foi excarcerado tras quedar atrapado no seu interior na Fonsagrada

O condutor dun camión de madeira tivo que ser liberado tras sufrir un accidente no que quedou atrapado no seu vehículo, no municipio lucense da Fonsagrada.

Arredor das once da mañá, o 112 Galicia recibiu a chamada dos propios membros de Protección Civil do concello que, desde o lugar dos feitos, alertaron do sucedido. A saída de vía dun camión envorcado ca imposibilidade de saír do seu condutor, na estrada LU-530 sobre o punto quilométrico 56.

Nese momento, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia déronlle aviso aos Bombeiros de Sarria, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, os que consideraron precisa a mobilización do helicóptero medicalizado, con base en Ourense, ata o lugar.

Desde o lugar dos feitos, os Bombeiros de Sarria confirmaron ao 112 que o condutor xa foi liberado, aínda que, polo momento continúan traballando no punto. 

Caída laboral desde catro metros de altura

A caída dun traballador, desde unha escada de catro metros de altura, no concello coruñés de Carnota, fixo que os servizos sanitarios de urxencia tamén consideraran precisa a saída do helicóptero medicalizado, con base en Santiago.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente laboral ás 11:30 horas, mediante a propia chamada do 061. Nese momento, desde a central de emerxencias informouse aos axentes da Garda Civil e da Policía Local de Carnota e aos membros de Protección Civil, para dar apoio no lugar dos feitos.