Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Seis persoas resultaron feridas, algunha de gravidade, a causa dun accidente en Mesía

Seis persoas foron evacuadas esta tarde despois de producirse un accidente con dous vehículos implicados no punto no que enlazan a N-634 coa DP- 4701, no termo municipal de Mesía. 

Varios condutores chamaron ao 112 Galicia pasadas as cinco da tarde para informar da colisión entre unha furgoneta e un turismo no que viaxaban cinco persoas, das cales catro quedaron atrapadas a causa do impacto e das voltas de campá que deu o coche. Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros de Ordes e aos membros do GES de Curtis para colaborar nas tarefas de excarceración dos catro ocupantes atrapados. 

Pola súa banda, os servizos sanitarios de urxencia enviaron á zona diversas dotacións e mesmo o helicóptero medicalizado con base en Santiago para a pronta evacuación dos feridos con lesións máis importantes. Tamén foi trasladado o condutor da furgoneta, que, en todo caso, estaba liberado e accesible.

Unha vez trasladados todos os feridos, os servizos de emerxencias procederon á limpeza dos restos do accidente co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.

Accidente en Catoira a causa dun animal
Ademais, o 112 Galicia rexistrou esta tarde outro accidente provocado por un cabalo que interceptou na vía no momento no que circulaban no seu vehículo un adulto e un menor. Ambos os dous resultaron feridos debido ao golpe, polo que tiveron que ser evacuados polos servizos sanitarios de urxencia, aínda que o seu estado parecía non revestir gravidade. 

O sinistro produciuse ás 18:20 horas de hoxe na EP-8001, a estrada que une os concellos pontevedreses de Catoira e Caldas de Reis. Alí acudiron tras a chamada de aviso do 112 Galicia os profesionais sanitarios, os voluntarios de Protección Civil de Catoira, Bombeiros de Vilagarcía e axentes da Garda Civil de Tráfico.

Evacuado en helicóptero tras caer dun cabalo
Por último, indicar que unha persoa foi evacuada en helicóptero hoxe despois de sufrir unha caída mentres cabalgaba. Ocorreu no concello ourensán da Veiga, concretamente en Valdín, cando pasaban das dúas desta tarde.

Desde o 112 Galicia, informouse aos axentes da Garda Civil para colaborar co 061-Urxencias Sanitarias nos labores de aterraxe do helicóptero medicalizado con base en Ourense.