Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un operario, ferido grave ao precipitarse dun tellado no porto pesqueiro de Marín

Un home que se atopaba traballando no porto pesqueiro de Marín resultou ferido de gravidade ao precipitarse desde un tellado. Ocorreu ao fío das 14:15 horas, momento en que o CIAE-112 tivo constancia dos feitos a través do 061-Urxencias Sanitarias.

Acto seguido, desde o 112 Galicia pasouse o aviso á Policía Local e Nacional, así como á Autoridade Portuaria, á Garda Civil e Protección Civil.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o operario foi trasladado ao hospital Povisa.

Dúas persoas trasladadas despois dunha colisión entre un turismo e un camión en Tomiño

Dúas persoas que se desprazaban nun coche tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario despois de bater contra un camión de reparto en Tomiño. Ademais, no interior do turismo viaxaban dous nenos, que resultaron ilesos.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Porriño liberaron a unha das persoas feridas pola parte traseira do vehículo accidentado, ao rematar atascadas as portas a causa impacto.

Ocorreu no punto quilométrico 60 da PO-552, uns minutos despois das 16.30 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a chamada dunha persoa particular que alertaba dos feitos.

A partir de aí, os xestores do 112 Galicia requiriron a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, de Protección Civil, da Garda Civil de Tráfico, do GES da Guarda, dos Bombeiros do Porriño, da Policía Local e informaron tamén aos Bombeiros de Vigo.

Turismo envorcado
Ademais, unha saída de vía na que o turismo implicado rematou envorcado na A-52, á altura de Ponteareas, saldouse esta tarde cunha muller ferida. A vítima, segundo se lle indicou ao 112 Galicia, tivo que ser trasladada polos efectivos sanitarios ao hospital Álvaro Cunqueiro.

O accidente tivo lugar no punto quilométrico 291 da autovía, sentido Vigo.

Varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do accidente ao fío das 14:20 horas. Nada máis recibir o aviso, o persoal do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, do GES e Bombeiros de Ponteareas, da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil. Ademais, desde o CIAE-112 se informou do ocorrido aos Bombeiros do Porriño.