Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa ferida tras ser atropelada en Pontevedra

Unha persoa resultou ferida esta tarde despois de ser atropelada en Pontevedra. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser trasladada ata un centro hospitalario.

Os feitos producíronse na rúa Rosalía de Castro a altura do número 80. Ao fío das 17:30 horas, unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para pedir axuda indicando no seu relato, que unha persoa fora atropelada e respiraba con dificultade.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, a Protección Civil e aos Bombeiros da localidade.

Atropelo a unha muller
Ademais, en As Pontes de García Rodríguez, un atropelo saldouse cunha muller ferida. Os feitos ocorreron pasadas ás 17:20 horas, na AC-101 punto quilométrico 0,300 antes de chegar a gasolineira.
 
Foi a esa hora cando o 112 Galicia tivo constancia a través do aviso do 061-Urxencias Sanitarias. De inmediato, dende o CIAE informouse do sucedido aos axentes da Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros do Eume, a Protección Civil, así como o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas.