Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa ferida en Ribeira ao colidir un autobús e un turismo

Unha colisión entre un autobús e un turismo saldouse cunha persoa ferida cando ao fío das 15:00 horas os vehículos circulaban a altura do nº 13 da Rúa da Praia de Ribeira.

Nada máis recibir a chamada  de alerta, na cal o persoal sanitario comunicaba ao 112 Galicia do suceso, os xestores de emerxencias alertaron aos Bombeiros de Ribeira, aos axentes da Garda Civil de Tráfico. Do mesmo xeito, solicitaron a colaboración da Policía Local da localidade que, unha vez no lugar, indicaban que a bordo do autobús viaxaban nove mozos que regresaban aos seus domicilios.

Segundo puido saber o 112 Galicia, o único ocupante do turismo si necesitou ser trasladado ao centro hospitalario de referencia.

Dúas persoas feridas en dous accidentes
Por outra banda, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia de dous accidentes nas estradas no que resultaron feridas dúas persoas.

O primeiro deles tivo lugar en Cambre na estrada que une esta localidade coa de Carral, á altura do punto quilométrico 1,800. Unha persoa persoa particular informaba ao 112 Galicia moi preto das cinco horas desta tarde, dunha saída de vía no que podería atoparse unha persoa ferida. A partir de aí, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Arteixo, dos servizos sanitarios de urxencia e dos axentes da Garda Civil de Tráfico. Ademais, informouse a Policía Local e Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os bombeiros indicaron que, finalmente, non foi preciso o uso do material de excarceración e foi trasladada un ferido ao Hospital Modelo da Coruña.

Ademais, pasados uns minutos, outra persoa persoa resultou ferida nun novo accidente en Gondomar, á altura do nº22 da Avenida de Gondomar. Neste caso dous vehículos víronse implicados e unha muller resultaba ferida, así o narraba a persoa que chamaba ao 112 Galicia para informar do accidente. De inmediato, informouse ao 061- Urxencias Sanitarias, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos membros do GES do Val Miñor.
Finalizada a intervención os servizos sanitarios confirmaron o traslado dunha muller ferida de consideración ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.