Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha muller ferida ao caer por un barranco o vehículo no que viaxaba en Cerdedo-Cotobade

Unha persoa resultou ferida tras sufrir un accidente ao caer por un precipicio co vehículo no que viaxaba. O accidente ocorreu no termo municipal pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, no lugar da Soldada.

Todo comezou ao fío das 17:30 horas desta tarde, cando a propia condutora chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que acababa de ter un accidente e atopábase ferida e, ademais, pensaba que podía estar atrapada no interior do vehículo.

Nada mais recibir o aviso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, alertou ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros do Pontevedra. De igual xeito, alertouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico e membros de Protección Civil da localidade. Aínda que finalmente, non foi preciso o uso do material de excarceración, os Bombeiros comunicaron ao persoal do 112 Galicia que si tiveron que rescatar a ferida en padiola, e posteriormente, trasladala ata onde se atopaba o persoal sanitario.

Unha vez rescatada, os Bombeiros informaron ao 112 Galicia da evacuación da muller ferida polo persoal sanitario ao Hospital Montecelo de Pontevedra.