Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa ferida despois de colidir un coche e un camión na AP-9, en Vigo

Unha persoa que circulaba nun turismo resultou ferida esta tarde en Vigo despois de que o vehículo no que viaxaba batese contra un camión que transportaba terra. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, debido ao impacto, o coche rematou envorcado tras dar varias voltas de campá.

Ocorreu na AP-9, concretamente no punto quilométrico 153, sentido Baiona. Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia, ao fío das 14:50 horas, para dar conta do accidente e indicaba no seu relato que algunha persoa podía atoparse atrapada no interior do turismo accidentado.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Vigo, á Policía Local, a Protección Civil, á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da autoestrada.

Xa no lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Vigo descartaron empregar o material de excarceración para liberar á vítima, xa que se atopaba accesible. Finalmente, a persoa ferida foi trasladada a un centro hospitalario.

Colisión múltiple
Ademais, en Foz, un choque entre tres turismos saldouse cunha persoa ferida. Segundo puido saber o 112 Galicia, a vítima tivo que ser trasladada nunha ambulancia a un centro sanitario.

Os feitos tiveron lugar na N-642, á altura da parroquia de Fazouro, ao fío das 16:40 horas.

Unha vez no lugar do accidente, os efectivos sanitarios confirmaron ao CIAE 112 Galicia que unha persoa que viaxaba nun dos vehículos implicados no sinistro precisaba asistencia sanitaria.

Decontado, os xestores do CIAE 112 puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Barreiros e do GES de Cervo. Ademais, desde o 112 Galicia informouse do ocorrido á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade lucense.