Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa trasladada despois de sufrir varias picaduras dun insecto en Viana do Bolo

Unha persoa precisou asistencia sanitaria esta tarde no termo municipal de Viana do Bolo despois de recibir varias picaduras dun insecto, posiblemente de abella.

Os feitos ocorreron no lugar de Penouta, na parroquia de San Bartolomeu, ao fío das 18:25 horas.

Ata o lugar achegáronse os servizos sanitarios, que mobilizaron ata o punto o helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que, finalmente, a persoa ferida foi trasladada nunha ambulancia a un centro médico.

Ademais, neste operativo participaron, tras ser alertados polo 112 Galicia, os membros do GES da Gudiña, os axentes da Policía Local e Protección Civil da localidade. Así mesmo, solicitouse a colaboración da Garda Civil.

Tres persoas feridas na Coruña tras unha colisión entre un camión e un turismo

Unha colisión na que se viron implicados un camión e un turismo esta tarde na Coruña saldouse con tres persoas feridas. Os feitos tiveron lugar na AC-12, concretamente no punto quilométrico 3, sentido A Coruña.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ao fío das 17:45 horas e ata o lugar achegáronse os servizos sanitarios de urxencia, a Policía Local, a Garda Civil de Tráfico e o servizo de mantemento da estrada. Ademais, os xestores do Centro integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informaron do sucedido aos Bombeiros da cidade.