Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Aparece no interior dun pozo o corpo sen vida dunha muller desaparecida en Ortigueira

Aparece no interior dun pozo o corpo sen vida dunha nonaxenaria que a Garda Civil buscaba desde onte en Ortigueira.

O achado produciuse esta tarde despois de varias horas de busca, na que se empregaron os drons da Axencia Galega de Emerxencias, diversos recursos terrestres e aéreos das forzas da orde e os cans de rescate da Asociación Galega de Salvamento.

Con todo, a muller, duns 90 anos de idade, apareceu sen vida no interior dun pozo, do que foi rescatada por un equipo dos Bombeiros de Ferrol co apoio dos membros do GES de Ortigueira. 

O 112 Galicia tivo coñecemento da desaparición mediante unha chamada de alerta da Garda Civil, na que solicitaban a colaboración dos membros do GES para participar na busca dunha veciña da parroquia de Freire da que nada sabían desde a cinco da tarde de onte.

Co paso das horas, uníronse ao operativo o equipo de drons da Axencia Galega de Emerxencias e tamén os cans de rescate da Asociación Galega de Salvamento, pero foi pasadas as tres desta tarde cando o operativo deu cun cadáver no interior dun pozo que pensaban podía corresponder á muller desaparecida. Unha vez que os bombeiros efectuaron o rescate, confirmaron as sospeitas.

A crecida da marea impide regresar a terra a dúas personas que visitaban a Illa de Santa Comba, en Ferrol

A subida da marea impide volver a terra a dúas persoas que visitaban a Illa de Santa Comba, situada no concello coruñés de Ferrol.

Arestora, dous bombeiros do parque local accederon por mar ao lugar e agardan a que melloren as condicións para axudar a saír aos dous visitantes.

Foron precisamente os propios implicados no suceso quen ás 17:30 horas de hoxe se puxeron en contacto co 112 Galicia para dar conta da situación na que se atopaban e das dificultades para volver a terra. Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activou un operativo formado por Salvamento Marítimo, Garda Civil e Bombeiros, que, nestes intres, permanecen coas dúas persoas ata que melloren as condicións para regresar.

Cómpre sinalar que as persoas atópanse en perfecto estado de saúde e con material de protección para garantir a súa seguridade.   

Unha persoa evacuada con síntomas de intoxicación por inhalación de fume nun incendio en Oleiros

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta tarde a unha persoa ao Centro Hospital Universitario da Coruña que presentaba síntomas de intoxicación por fume tras declararse un incendio na súa vivenda.

O suceso produciuse pouco antes das 15:00 horas, nunha vivenda situada na Rúa A Castañeira, na parroquia coruñesa de Lorbé, en Oleiros. Nese intre, o 112 Galicia recibía a chamada dunha persoa particular informando de que saía fume pola porta do piso. Ademais, indicaba que nese intre os moradores da vivenda acabaran de saír poderían precisar asistencia sanitaria.

Desde o 112 Galicia, informouse aos 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Arteixo, aos axentes da Garda Civil e Policía Local. Así mesmo, os feitos tamén foron postos en coñecemento do persoal do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.

Unha vez apagado o lume, Protección Civil confirmaba ao 112 Galicia que ardeu o falso teito do cuarto de baño da vivenda.