Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Dúas persoas feridas, unha delas excarcerada, tras saírse da vía o vehículo no que viaxaban en Pazos de Borbén

Unha saída de vía no concello pontevedrés de Pazos de Borbén deixa feridos aos ocupantes dun vehículo que circulaba pola PO-250, na Ermida, moi preto do edificio do concello. Foi precisa a intervención dos Bombeiros para liberar a un dos ocupantes, tras quedar atrapado no interior do turismo.

Foi un particular quen, a escasos minutos das 17:00 horas, chamou ao 112 Galicia para alertar do suceso, solicitaba asistencia para dúas persoas feridas. Indicaba ademais, que unha delas estaba no interior do vehículo e non sabía se necesitaba axuda para saír. A partir de aí, os xestores do 112 ademais de alertar ao 061-Urxencias Sanitarias tamén informaron aos Bombeiros do Porriño e aos axentes de Tráfico. Así mesmo puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Vigo.

Tras liberar a unha das persoas do interior do vehículo, os Bombeiros de Baixo Miño confirmaron o seu traslado polo equipo sanitario ao centro hospitalario de referencia.

Choque camión-coche sen feridos
Tamén esta tarde, pasados uns minutos das 17:30 horas, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia era informado doutro accidente en Santiago de Compostela. Tratábase dun choque entre un camión-cisterna e un turismo que circulaban pola SC-20, moi preto da saída do Polígono de Costa Vella. Neste caso, afortunadamente, ninguén resultou ferido.

Sen embargo, aínda que os alertantes que chamaron ao 112 para informar do suceso aseguraban que todos os ocupantes do vehículo estaban fora e ningún parecía necesitar asistencia sanitaria, os xestores de emerxencias avisaron, igualmente, ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Santiago. Tamén informaron á Policía Local e a Protección Civil da localidade.