Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha colisión frontal entre dous vehículos deixa unha persoa ferida grave en Sober

Unha persoa resultou ferida grave esta tarde despois de colidir frontalmente dous vehículos, un coche e unha furgoneta,  que circulaban pola N-120, á altura do concello lucense de Sober.

Varios particulares, sobre as 15:30 horas, alertaban ao 112 Galicia do accidente. Indicaban que se trataba dun choque frontal e que parecía grave. Foi nese momento, cando o 112 Galicia alertou decontado ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Monforte e aos axentes de Tráfico. Ademais, ao ser unha zona limítrofe entre os concellos de Sober e Monforte, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos efectivos de Protección Civil da localidade e  da Policía Local e Protección Civil de Monforte.

Debido á gravidade, ata o lugar tamén se desprazou  o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tras tomar terra no lugar dos feitos e, unha vez liberada a persoa polos Bombeiros do interior dun dos vehículos, trasladou ao ferido ata o Hospital Lucus Augusti de Lugo.

Os Bombeiros confirmaron que no turismo viaxaban dúas persoas, das cales, unha delas resultou ferida grave. O outro ocupante resultou ferido leve.

Foi preciso cortar o tráfico dun carril da vía, habilitando o do outro sentido con tráfico alternativo.

Un ferido en Verín
En Verín, unha persoa resultou ferida despois de que a furgoneta que conducía chocara contra un camión cando circulaban pola A-52, ao redor do punto quilométrico 154, en Ábedes. Segundo informaron os Bombeiros de Verín, que acudiron ao punto nada mais ser alertados polo 112 Galicia, a furgoneta quedou encaixada na parte traseira do camión. Non foron precisos os medios de excarceración pero si axudaron aos profesionais sanitarios na evacuación da persoa, que foi trasladada en ambulancia ao centro hospitalario de referencia. Así mesmo, os Bombeiros indicaron que prestaron a súa colaboración para desencaixar o vehículo que posteriormente foi recollido por unha guindastre.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente, pasados dez minutos das 12:30 horas horas deste mediodía, grazas á chamada dunha persoa particular. Indicaba que se trataba dun choque por alcance pero que non sabía si había feridos.

Con estes datos, desde o CIAE pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.