Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Outro atropelo con maquinaria agrícola en Sarria saldase cun ciclista ferido de gravidade

Segundo atropelo causado por un tractor no día de hoxe. Despois do mozo que tivera que ser evacuado en helicóptero por quedar ferido de gravidade tras ser alcanzado por un vehículo agrícola esta mañá en Lalín, sobre as 13:15 horas deste mediodía, os xestores do 112 Galicia foron alertados dun ciclista ferido de consideración ao ser atropelado por un tractor.

Foron varios os particulares que chamaron ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias para informar do accidente  na estrada de Sarria en dirección a Samos. Nada máis ter constancia dos feitos, desde o CIAE, púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Sarria e do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha vez no punto, os servizos de emerxencia confirmaron que a persoa puido ser evacuada en ambulancia, comprobaron ademais que a persoa estaba liberada e accesible.

Tamén foi solicitada a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local para aclarar as circunstancias do suceso e restablecer as condicións de seguridade na vía.

Colisión entre dous turismos en Trasmiras
Por outra banda, un accidente entre dous coches na estrada de Escornabois saldouse con dúas persoas evacuadas ao centro hospitalario de referencia.

Varios particulares puxéronse en contacto co 112 Galicia para solicitar axuda para os ocupantes dos vehículos involucrados nunha colisión á altura da parroquia de Vilaseca, no concello ourensán de Trasmiras. Segundo a información facilitada ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, os feridos encontrábanse liberados e accesibles.

Ata o lugar do accidente desprazáronse os efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendio e Salvamento de Xinzo de Limia e axentes da Garda Civil.