Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un home trasladado en helicóptero despois de que o tractor que manexaba lle pasase por encima en Entrimo

Un home resultou ferido esta tarde en Entrimo ao pasarlle por encima o tractor que manexaba. Ocorreu no lugar das Quintáns, na parroquia de Galez, ao fío das 13:20 horas.

Debido á gravidade das feridas do condutor do tractor, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazou ata o lugar dos feitos o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Ademais, tras recibir a alerta a través do servizo sanitario, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención da Garda Civil, de Protección Civil de Entrimo e do GES de Lobios para dar apoio durante a toma da aeronave.

Finalmente, o home ferido foi trasladado no helicóptero ao centro hospitalario de referencia.

Unha colisión entre dous turismos en Vigo sáldase cunha muller excarcerada

Unha muller precisou ser excarcerada despois de producirse unha colisión entre dous coches en Vigo.

O sinistro tivo lugar no punto quilométrico 8 da PO-331, uns minutos antes das 14:20 horas.

Foi unha persoa particular quen alertou do accidente ao 112 Galicia e, nada máis recibir o aviso, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo, da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da estrada.

Unha vez excarcerada polos Bombeiros de Vigo, a muller foi trasladada polos servizos sanitarios a un centro médico.

Colisión múltiple
Por outra banda, en Santiago de Compostela, dúas persoas resultaron feridas nunha colisión na que se viron implicados tres coches. O accidente ocorreu na SC-20, concretamente no punto quilométrico 6,700.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 14.35 horas, a través da Garda Civil de Tráfico. Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local e aos Bombeiros de Santiago de Compostela.

Finalmente, as dúas persoas feridas no accidente foron trasladadas polos servizos sanitarios a un centro hospitalario.

Un incendio nun garaxe en Rianxo provoca diversos danos no seu interior

Un incendio declarado esta tarde no interior dun garaxe en Rianxo deixou danos no seu interior, sen que ningunha persoa resultase ferida. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o lume afectou a dous turismos, un deles rematou completamente calcinado, a varios electrodomésticos e ao mobiliario que se atopaba na estancia.

Os feitos tiveron lugar en Outeiro, ao fío das 15:35 horas. Foi nese momento cando unha persoa particular alertaba do incendio ao 112 Galicia. A partir de aí, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitouse a actuación dos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, da Garda Civil e da Policía Local. Ademais, os profesionais do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Así, os Bombeiros de Boiro confirmaron ao 112 Galicia que as labores de extinción do lume finalizaron ás 17:30 horas.