Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa foi trasladada en helicóptero medicalizado tras ser excarcerada despois de envorcar a furgoneta na que viaxaba en Baralla

Unha persoa foi excarcerada na tarde de hoxe ao quedar atrapada no interior do vehículo no que viaxaba mentres circulaba pola A-6, á altura do punto quilométrico 474, no concello lucense de Baralla.

Ás 15:00 horas, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para informar dunha furgoneta envorcada no punto indicado cunha persoa con dificultades para saír do interior do vehículo. Con estes datos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Sarria e dos membros do GES de Becerreá.

Unha vez no punto, os servizos de emerxencia procederon a excarcerar á persoa ferida, que foi atendida por un equipo médico desprazado ata o lugar do sinistro a bordo do helicóptero con base en Ourense e, posteriormente, trasladada na aeronave ata o Hospital Lucus Augusti.

Ademais, desde o 112 Galicia, solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e do persoal do servizo de mantemento das estradas co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.