Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Descarrila un vagón de tren en Cerdido por mor dun desprendemento de terra na vía férrea entre Ribadeo e Ferrol

Un tren, que circulaba pola vía férrea desde Ribadeo destino Ferrol, descarrilou á altura do punto quilométrico 37 sen que se rexistrasen feridos entre a pasaxe.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, arredor da 17:30 horas desta tarde, o convoi saíuse da vía a causa dun desprendemento de terra na vía férrea entre Ribadeo e Ferrol, ao seu paso polo concello coruñés de Cerdido, a altura do apeadeiro da Cunqueira.

Concretamente, descarrilou o primeiro vagón, polo que o resto dos vagóns no se viron afectados, ao igual que os oito membros da pasaxe, que non precisaron de axuda dos servizos de emerxencias para chegar ata o apeadeiro. Unha vez alí, os pasaxeiros serían trasladados aos seus destinos por distintos medios de transporte.

Pola súa banda, o persoal de ADIF habilitou o tráfico alternativo por estrada entre as estacións de Ortigueira ata Cerdido, mentres duren os traballos na zona para liberar a vía e restablecer canto antes a circulación.

Arestora, a vía férrea continua cortada á espera de que rematen os traballos de retirada de terra que se desprendeu sobre a vía.

Arden dous vehículos e unha vivenda resultou afectada por mor dun incendio en Cariño

Dous turismos arderon e unha vivenda viuse afectada a causa dun incendio na Rúa de Crecente Veiga, en Cariño.

O suceso rexistrouse ás 17:00 horas desta tarde, momento no que varias persoas particulares informaban ao 112 Galicia dun vehículo ao que lle ardía a zona do motor cando circulaba preto da igrexa da localidade. Ademais, os alertantes aseguraban que as ocupantes puideron saír do vehículo e que o incendio afectada a outro coche estacionado e unha vivenda próxima.

Axiña, os xestores de emerxencias do 112 Galicia informaba aos Bombeiros do Eume e aos membros do GES de Ortigueira para atallar o lume. Así mesmo, solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico para manter as condicións de seguridade da vía mentres os servizos de emerxencia traballaban no punto.

Tras rematar as labores de extinción, os membros do GES confirmaron ao 112 Galicia que arderon dous turismos e unha vivenda próxima resultou afectada.