Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha colisión con cinco vehículo implicados deixa tres feridos en Santiago

Tres persoas resultaron feridas a causa dunha colisión na que se viron implicados cinco vehículos, en Santiago.

Para a atención dos feridos activouse un operativo ás 13:30 horas de hoxe, cando o 112 Galicia recibiu as primeiras chamadas de particulares que informaban de varios vehículos implicados nun choque á altura da Estación de Autobuses. Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos profesionais sanitarios para asistir a tres persoas que sufriron diversas lesións a causa do impacto.

Xunto ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, traballaron os axentes da Policía Local para coñecer os detalles desta colisión na que resultaron afectados un total de cinco vehículos, tres coches e dúas motos. 

Ciclista ferido en Valga
Por outra banda, á mesma hora, un ciclista tivo que ser atendido en Valga despois de ser alcanzado por un turismo na PO-548, en Cordeiro. Ademais dos servizos sanitarios, acudiron ao lugar os membros do GES de Valga e os axentes da Policía Local.