Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha muller trasladada despois de producirse unha colisión entre dous turismos e un camión en Vilagarcía

A colisión entre dous coches e un camión na parroquia de Santa Maria de Rubiáns, no concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa saldouse cunha muller ferida este mediodía.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 13:30 horas cando unha das implicadas no accidente chamou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) para solicitar axuda.  No seu relato indicaba que non era capaz de saír do seu vehículo polos seus propios medios e que os ocupantes do outro automóbil sinistrado tamén presentaban dificultades para abandonalo.

Decontado, os xestores do CIAE puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilagarcía e tamén dos membros de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar dos feitos, os servizos de emerxencia comprobaron que todos os implicados no accidente atopábanse liberados e accesibles e descartaron o uso do material de excarceración. Finalmente, a ferida puido ser evacuada polos servizos sanitarios en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.

Tamén acudiron ao lugar do accidente os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía  Local  co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.

Saída de vía en Vilanova de Arousa
Unha hora despois, o 112 Galicia recibiu o aviso doutro accidente na EP-9703, en Vilanova de Arousa. Segundo a información facilitada ao 112 polos servizos de emerxencia, unha persoa foi trasladada ao Hospital do Salnés despois que o vehículo no que viaxaba se saíra da vía ao seu paso polo lugar de Ousensa, na parroquia de Santa María de Caleiro.

Ademais dos profesionais sanitarios desprazáronse ata o lugar, tras ser avisados polo 112, os Bombeiros de Vilagarcía, os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e os membros de Protección Civil da localidade.

Colisión múltiple en Lugo
Por outra banda, unha colisión entre catro vehículos na Avenida da Coruña, en Lugo, deixou a unha persoa ferida.

O accidente tivo lugar ás 14:30 horas. A esa hora, os xestores do 112 Galicia recibían a alerta dunha colisión por alcance con catro turismos implicados e na cal  unha persoa necesitaba asistencia sanitaria.

Para colaborar na intervención xunto aos servizos sanitarios de urxencia, desde o 112 solicitouse a colaboración dos axentes da Policía Local e informouse tamén aos membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento e á Protección Civil da localidade.

Un incendio nunha frixideira provoca danos materiais nun establecemento en Viveiro

O lume orixinado na frixideira dun establecemento comercial en Viveiro causou importantes danos materiais sen que, afortunadamente, ninguén resultara ferido. Os Bombeiros de Viveiro confirmaron que o lume consumiu diversos materiais da cociña e que as demais estancias se viran afectadas polo fume.

Os feitos tiveron lugar ás 12:15 horas. Nese momento, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para informar dun lume nun edificio da Avenida de Ferrol.

Decontado, desde o 112 solicitouse a intervención dos Bombeiros de Viveiro, da Policía Local e tamén dos membros de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar do incidente, os membros dos equipos de extinción confirmaron que non houbo que lamentar danos persoais e que ardera a campá extractora, a cociña, o teito e a despensa do local.

Incendio nun establecemento na Coruña
Poucos minutos despois, ás 12:30 horas, os xestores do 112 Galicia foron informados doutro incendio, nun establecemento comercial situado na Rúa Ramón y Cajal, na cidade da Coruña.

No seu relato, o alertante solicitaba medios de extinción para conter un lume que estaba consumindo diversos materiais no interior do local. Aseguraba que, aínda que o inmoble estaba cheo de fume, non había persoas afectadas.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) solicitouse a intervención dos Bombeiros de Coruña, dos axentes da Policía local e dos membros de Protección Civil.

Tras rematar a intervención, os Bombeiros confirmaron que o incendio se orixinara na instalación eléctrica do local e que afectara a parte teito do establecemento e tamén o chan do almacén.

Un camión cargado con porcos sufre unha saída de vía en Dozón

Un accidente cun camión que transportaba porcos puxo en alerta aos servizos de emerxencia no concello pontevedrés de Dozón este mediodía.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, ás 14:00 horas, o vehículo de transporte saíuse da vía na EP-6104, á altura da parroquia do Castro, e rematou envorcado fóra da estrada. Malia a que o condutor do camión resultou ileso, algúns dos animais quedaron atrapados e non sobreviviron ao impacto.

Co fin de garantir as condicións de seguridade na vía e recuperar aos porcos, ata o lugar dos feitos desprazáronse os Bombeiros do Deza, axentes da Garda Civil de Tráfico e tamén persoal de conservación da estrada.