Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un incendio nunha vivenda de Narón obrigou a evacuar a dous andares dun inmoble e tres persoas resultaron afectadas polo fume provocado

Un incendio nunha vivenda da rúa Reis Católicos, no concello de Narón, foi a causa pola que os servizos de emerxencia evacuaron, por precaución, dous andares do inmoble. En total, seis persoas foron desaloxadas das súas vivendas e tres delas, malia que rexeitaron a asistencia sanitaria, resultaron afectadas pola inhalación do fume que provocou o lume.

O incendio, localizado na campá extractora, afectou unicamente a unha tixola e ao teito da cociña. Así o indicaron os Bombeiros de Narón tras rematar coas tarefas de extinción e ventilar o inmoble.  Ademais, aseguraron que as persoas xa regresaran ás súas casas excepto, as da vivenda afectada que por recomendación dos profesionais de extinción, faríano unha vez revisada  a vivenda.

Os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento foron os que, sobre as 14:00 horas deste mediodía, anunciaron ao 112 Galicia a súa saída cara o domicilio. Indicaban aos xestores que foran alertados pola Policía Nacional.  

Con todo, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento da Policía Local.