Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa resulta ferida en Carballo tras arder o vehículo que conducía ao caer por un desnivel despois de saírse da vía

Unha persoa resultou ferida ao seu paso pola localidade coruñesa de Carballo.

Segundo informaron os Bombeiros da localidade desprazados ao punto nada mais ser alertados polo 112 Galicia, o vehículo que circulaba pola AC-413, á altura de Sofán, ardeu case por completo, despois de caer por un desnivel tras saírse da vía. Aínda que o condutor resultou ferido de consideración, afortunadamente, puido saír polos seus propios medios do vehículo cando comezou a arder.

Ademais de avisar aos Bombeiros e ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-0 61, o 112 Galicia, tras recibir a alerta dun particular sobre as 18:00 horas desta tarde, solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil. Tamén, o persoal do servizo de mantemento da estrada foi informado polo 112 Galicia.

Os Bombeiros excarceran a un condutor ferido despois de sufrir un accidente e quedar atrapado no interior do vehículo en Vimianzo

Un home precisou da intervención dos Bombeiros de Cee para ser liberado do interior do vehículo que conducía tras sufrir un accidente cando circulaba pola AC-552, á altura do cruce de Berdeogas, na localidade coruñesa de Vimianzo.

Debido á gravidade das lesións ocasionadas, ata o lugar desprazouse un helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, que nada mais rematar a intervención dos Bombeiros, trasladou ao ferido e único ocupante do vehículo ata o centro hospitalario de referencia.

Ao fío das 15:20 horas desta tarde, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba ao 112 Galicia da saída dunha ambulancia e da aeronave cara o punto indicado e, tras indicar que a persoa estaba atrapada no interior do turismo, decontado, os xestores de emerxencias pasaron aviso aos Bombeiros de Cee. Do mesmo xeito, informaron dos feitos á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil da localidade e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.

Dous feridos en Trasmiras
Tamén, ao fío das 14:00 horas, os servizos sanitarios de urxencia informaban ao 112 Galicia de dúas persoas feridas tras sufrir un accidente en Trasmiras (Ourense), no lugar dos Pardieiros.

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Xinzo, que aínda que non tiveron que excarcerar porque o ferido non estaba atrapado si tiveron que cortar os ferros do turismo para poder evacuar con seguridade a un dos feridos. Ademais de aos Bombeiros, o 112 Galicia tamén informou dos feitos á Garda Civil de Tráfico.

Atopan en perfecto estado ao octoxenario que faltaba da súa casa desde esta noite en Lugo

O home que se buscaba desde que a súa familia denunciara a súa desaparición en Lugo, no lugar de Esperante, foi atopado este mediodía en perfecto estado, no lugar de Cuíña. Así o comunicaban os axentes da Policía Nacional ao 112 Galicia.

Ao operativo, coordinado polos axentes, estaba prevista a intervención do persoal  da Unidade de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e tamén se agardaba a incorporación dos cans de rescate e salvamento de Galicia (CASAGA), ademais da intervención dos axentes da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, familiares e veciños que xa se atopaban na busca do octoxenario.

Por fortuna, o home apareceu en bo estado e os axentes procederon a anular os medios mobilizados.

Unha familia de Arbo atendida in situ polos servizos sanitarios por mor da intoxicación de monóxido producida pola mala combustión dun quentador

Unha familia foi atendida esta tarde polos servizos sanitarios de urxencia na súa vivenda, situada na Praza do Mercado, en Arbo, despois de presentar síntomas de intoxicación por monóxido de carbono. Todo parece indicar, que a mala combustión dun quentador foi a causa que provocou os síntomas.

Aconteceu sobre as 17:30 horas desta tarde, foi a esa hora cando o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informaba ao 112 Galicia dunha posible intoxicación dunha familia por monóxido nunha vivenda.

Con estes datos, desde o 112 Galicia informouse aos Bombeiros de Ponteareas e á Garda Civil. Así mesmo, informouse da situación ao persoal da empresa subministradora do gas.

Finalmente, unha vez no punto e tras detectar a avaría, os Bombeiros comunicaron que non foi precisa a súa intervención.

Dúas persoas trasladadas en Foz
Dúas persoas, un home e unha muller foron trasladados esta tarde polos servizos sanitarios ata o Hospital da Mariña, posiblemente, a causa da inhalación do fume provocado e da crise de ansiedade que sufriron despois de incendiarse a súa vivenda, así o relataban os efectivos de Protección Civil de Foz ao 112 Galicia.

Pasados dez minutos das 14:30 horas deste mediodía, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que informaba dunha casa ardendo no lugar de Marzán, na Avenida de Viveiro.

De inmediato, pasouse aviso aos Bombeiros de Barreiros, aos axentes da Garda Civil, da Policía Local, ao GES de Cervo e a Protección Civil da localidade. Ademais, alertouse por precaución ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por si fose precisa a súa intervención.

Segundo informaron os Bombeiros e os membros do GES ao 112 Galicia, o lume foi extinguido na súa totalidade e ventilada a vivenda. Ardeu a cociña case por completo e todo parece indicar que as lapas comezaron na vitrocerámica.