Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Falece un mozo cando circulaba en patinete pola zona de Lourido, en Poio

Un mozo faleceu esta tarde cando andaba co seu patinete pola zona de Lourido, en Poio.

Foi un particular quen deu a voz de alarma a través do 112 Galicia despois de atopar o vítima tendida no chan, ás 16:15 horas de hoxe.

A partir de aí, activouse un operativo composto polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Policía Local e Garda Civil, que, arestora, tratan de coñecer as circunstancias do falecemento, xa que descoñecen se o mozo caeu do patinete por accidente ou sufriu unha indisposición previa.  De feito, a persoa que chamou ao 112 Galicia xa viu ao rapaz inconsciente tendido no chan.

Ademais, das forzas da orde e os servizos sanitarios de urxencia, ao lugar dos feitos acudiron voluntarios de Protección Civil e especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes ou Emerxencias (GIPCE) para a atención dos seus familiares, conmocionados pola noticia.

As forzas da orde retiran un artefacto explosivo localizado por un veciño na praia, en Redondela

Un veciño atopa un artefacto explosivo na Praia de Rande, en Redondela, e chama decontado ao 112 Galicia.

Ocorreu pasadas as dez desta mañá, cando a persoa localizou unha granada de morteiro entre as rochas do areal próximo ao Museo de Rande.

Así o indicou aos xestores do 112 Galicia, que avisaron aos axentes da Policía Local e Nacional para a retirada do artefacto en condicións de seguridade. De feito, foi arredor das dúas da tarde cando a policía confirmou ao 112 Galicia que o obxecto fora retirado por un equipo especializado do Corpo Nacional de Policía, os TEDAX.

O veciño que contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia asegurou que se trataba dunha granada de morteiro que evidenciaba o paso do tempo e tiña un tamaño duns 40 centímetros.