Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un menor resulta ferido de consideración tras ser atropelado en Redondela

Un adolescente resultou ferido de consideración esta tarde despois de ser atropelado por un camión nun paso de peóns, á altura do edificio do conservatorio da localidade pontevedresa de Redondela.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos dez minutos antes das 19:00h de hoxe. Foron varios particulares os que chamaron, a esa hora, ao 112 Galicia para alertar do suceso.

De contado, os xestores de emerxencias pasaron aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que debido a gravidade do suceso mobilizaron unha ambulancia medicalizada ao lugar. Ademais, informaron aos axentes de Tráfico, da Policía Nacional e Local, que de contado se desprazaron tamén ata o punto.

Nestes intres, os servizos de emerxencias continúan aínda no lugar dos feitos.

Dúas persoas resultan feridas en Sarria, unha delas excarcerada, despois de saírse da vía o vehículo co que circulaban

Dúas persoas resultaron feridas despois de saírse da vía co vehículo que circulaban pola estrada LU-546, ao seu paso pola parroquia de San Miguel de Vilapedre, no concello de Sarria.

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Sarria, nada mais ser alertados polo 112 Galicia, que tiveron que excarcerar a un dos ocupantes do interior do turismo. Así mesmo, para a evacuación dos dous feridos solicitouse a intervención dos profesionais de urxencias sanitarias.

Ao fío das 15:45 horas, un particular alertou ao 112 Galicia do accidente. No seu relato indicaba que un vehículo sufrira unha saída vía, a partir de aí, informouse ademais de aos servizos sanitarios e aos Bombeiros, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

A intervención do persoal do servizo de limpeza e mantemento da vía tamén foi requirida polo 112 Galicia.