Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un pescador desapareceu e dous máis foron rescatados despois de envorcar a embarcación coa que navegaban na Illa de Ons

Un mariñeiro permanece a estas horas desaparecido despois de que a súa embarcación naufragase nas inmediacións da Illa de Ons. Ademais, outros dous tripulantes puideron ser rescatados e trasladados ata o peirao de Portonovo.

Os xestores do 112 Galicia nada máis ser informados do suceso polos axentes da Garda Civil, ás 13:15 horas, puxeron a situación en coñecemento do persoal de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero Pesca 1 ao punto.

Ademais, para a busca do pescador contamos coa colaboración por terra do Axente Forestal ao coidado do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Así mesmo, informouse aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aínda que, finalmente, as persoas rescatadas non requiriron asistencia médica.

Nestes intres, mantense o operativo no que traballan os servizos de emerxencias para tratar de localizar ao home desaparecido.

Rescatado un surfista en Porto do Son
Unha persoa foi rescatada mentres practicaba surf na Praia de Fonforrón, en Porto do Son, ao ser arrastrada pola corrente e quedar imposibilitada de volver polos seus propios medios.

A chamada dunha persoa particular ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pasados uns minutos das sete da tarde de hoxe permitiu activar un operativo no que interviñeron os efectivos de Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, os axentes da Garda Civil e os membros de Protección Civil da localidade.

Ata o lugar desprazouse a embarcación Salvamar Regulus que sacou ao surfista da auga e o trasladou ata terra. Os equipos de emerxencia confirmaron que a persoa atopábase en bo estado polo que se descartou a asistencia sanitaria.