Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Susto na Laracha a causa dun menor ao que arrastraba a corrente na Praia de Caión

Un menor ao que levaba a corrente causa a alarma entre os bañistas da Praia de Caión, na Laracha.

O 112 Galicia recibiu ás 17 horas de hoxe a chamada de alerta dunha persoa que viu como o rapaz tiña dificultades para volver á beira. Decontado, un home lanzouse á auga na súa procura e conseguiu rescatalo sen que sufrise danos.

Segundo explicaron os axentes da Policía Local a través do 112, tratouse dun membro da Garda Civil fóra de servizo quen se botou á auga para socorrer ao neno, que estaba no medio da auga e cuberto, ademais, pola néboa. 

Pola súa parte, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos equipos de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén foron informados os axentes da Policía Local, así como os voluntarios de Protección Civil da localidade.

Con todo, o rapaz saíu da auga coa axuda do seu rescatador e puido reunirse coa súa familia. Por fortuna, atópase en bo estado de saúde.

Súmanse máis medios á busca do pescador desaparecido en Valdoviño
Durante esta tarde, sumáronse á busca do pescador desaparecido esta mañá en Valdoviño máis voluntarios de Protección Civil da localidade. Tamén voltou á zona o Pesca II despois de que un equipo de Salvamento Marítimo rastreara a contorna da Praia de Baleo a bordo do Helimer, de momento, sen éxito.

Cómpre lembrar que o 112 Galicia tivo coñecemento do suceso mediante a chamada de alerta dun compañeiro do pescador desaparecido, que viu por un intre flotar o corpo na auga. Uns minutos máis tarde perdérao de vista, polo que se activou un operativo que continúa coa busca preto de Punta Baleo.

Os servizos de emerxencias rescatan a unha muller que caeu por un terraplén nas pozas de Melón

Os servizos de emerxencias rescataron esta tarde a unha muller que caeu por un terraplén cando percorría a ruta das pozas de Melón, en Ourense.

Eran as 17:30 horas de hoxe cando a muller se precipitou por un desnivel duns 15 metros de profundidade, o que dificultou o seu rescate e atención. Así, tras recibir a chamada de alerta no 112 Galicia, o persoal do Centro Integral de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros do Carballiño e dos membros do GES de Ribadavia, que conseguiron sacar á muller do terraplén para que recibise a asistencia médica necesaria. De feito, a caída provocoulle diversas lesións polas que recibiu os primeiros coidados in situ e, unha vez estabilizada, foi trasladada ao Hospital de Ourense nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Co fin de mellorar a localización, o persoal do 112 Galicia facilitou ao grupo que acompañaba á ferida o envío de coordenadas por Whatsapp. Deste xeito, puido recibir a axuda no mesmo punto da caída e no menor tempo posible.