Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Falece un home tras sufrir un accidente co tractor que conducía en Irixoa

Un particular foi quen alertou ao 112 Galicia do suceso.

Tras a súa chamada, ao fío das 17:00 horas, comunicaba que acaba de atopar un tractor accidentado, envorcado e  ao seu condutor atrapado baixo a máquina, na parroquia de Ambroa, na estrada que vai de Areas a Miño, no termo municipal de Irixoa.

Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Betanzos e á Garda Civil de Tráfico.

Ata o lugar, tamén se desprazou o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, que tomou terra no mesmo lugar dos feitos. Sen embargo, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.

Debido á situación e co fin de prestar apoio aos familiares da vítima, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias.

Colisión tractor-coche
Tamén, sobre as 18:30 horas desta tarde, o 112 Galicia recibía a chamada dun alertante que informaba dun accidente entre un tractor e un coche, na praia Meniña, no concello de Muxía.

Ata o lugar  desprazáronse decontado os servizos sanitarios de urxencia, os axentes da Garda Civil de Tráfico e os efectivos de Protección Civil. Así mesmo, foron informados polo 112 Galicia os axentes da Policía Local e os Bombeiros de Cee, que nada mais chegar ao punto, descartaron o uso do material de excarceración.

Segundo se lle informou ao 112 Galicia, o condutor da máquina agrícola foi trasladado polo persoal sanitario ata o Hospital Virxe da Xunqueira e a condutora do turismo foi atendida no mesmo lugar polos profesionais sanitarios.

Unha colisión frontal deixa dúas persoas feridas en Poio

Dúas persoas resultaron feridas esta tarde no concello pontevedrés de Poio, despois de chocar frontalmente dous turismos.

O accidente ocorreu, sobre as 17:30 horas, na PO-308, á altura do lugar de Albar. Un dos alertantes que chamou ao 112 Galicia para informar da situación, aseguraba que os dous feridos estaban fora dos turismos.

Ademais de informar ao Servizo Sanitario de Urxencias de Galicia-061, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico, da Policía Local e de Protección Civil da localidade.

Así mesmo, os xestores do 112 solicitaron a colaboración do persoal do servizo de mantemento da estrada.