Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Atenden a tres menores afectados por inhalación de fume a causa dun incendio nunha vivenda en Corcubión

Tres menores foron atendidos polos servizos sanitarios nunha vivenda situada na Rúa Praia Quenxe, en Corcubión, ao presentar síntomas de intoxicación polo fume que causou un incendio  nunha campá extractora. Segundo informaron os profesionais sanitarios, os nenos foron atendidos na mesma vivenda, sen ser necesario o seu traslado.

Os Bombeiros de Cee, que acudiron ao lugar nada máis ser alertados polo 112 Galicia, confirmaron que unicamente ardeu a campá extractora, o resto da casa quedou moi afectada polo fume.

Todo ocorreu sobre as 14:00 horas  deste mediodía. Foi, a esa hora, cando un particular informaba ao 112 Galicia de ver saír fume pola cheminea dun edificio e pola porta da casa da veciña e, a partir de aí, púxose en marcha un dispositivo formado polos Bombeiros, Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e polos efectivos de Protección Civil da localidade. Tamén foron informados os axentes da Policía Nacional.

Unha vez extinguido o lume, os Bombeiros procederon a ventilar a vivenda.