Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Rescatan a catro rapaces en apuros na praia de Lires, en Cee

Un grupo de catro rapaces necesitou axuda na tarde de hoxe ao encontrarse con dificultades para saír da auga na praia de Lires, no concello coruñés de Cee. De feito, dous deles tiveron que recibir asistencia médica debido ao estado no que se atopaban despois do esforzo empregado para alcanzar o areal.

Foron varios os particulares que chamaron ao 112 Galicia cando estaban a piques de dar as seis horas desta tarde. De acordo coa información facilitada polas testemuñas do suceso, as catro persoas necesitaban auxilio pois atopábanse próximos a unha zona de rocas e non lograban abandonar a auga por si mesmas.

Decontado, os xestores de emerxencia puxeron en alerta ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Servizos de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia, aos axentes da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Segundo se lle informou ao 112 Galicia, as persoas foron rescatadas do auga por uns bañistas que se encontraban preto do lugar, polo que, finalmente, non foi precisa a intervención dos medios de rescate.

Unha vez no areal, os profesionais sanitarios encargáronse de atender a dous deles que, aínda que estivesen conscientes, presentaban feridas de diversa consideración.