Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Falece un home ao quedar atrapado polo tractor que manexaba en Castro Caldelas

Un home perdeu a vida esta tarde en Castro Caldelas despois de que o tractor que manexaba caese por un desnivel e envorcase. Para liberalo, foi necesaria a intervención dos servizos de emerxencia, posto que o varón rematou atrapado entre o vehículo e unha parede.

Os feitos sucederon no lugar de Casanova, na parroquia de Alais, ao fío das tres da tarde. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ata unha zona próxima ao sinistro un helicóptero medicalizado. Ademais, o persoal de emerxencias requiriu a actuación no operativo dos Bombeiros de Monforte de Lemos, do GES de Castro Caldelas, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha vez que os servizos de emerxencia liberaron ao home, os efectivos médicos nada puideron facer por salvarlle a vida.

Localizan sen vida a un home nunha embarcación á deriva en Ortigueira

Esta tarde foi localizado o corpo sen vida dun home que se atopaba a bordo dunha embarcación en Ortigueira. Unha persoa particular foi quen deu co cadáver, mentres navegaba na ría de Ortigueira, a un quilómetro do peirao desta localidade.

Foi esta persoa quen contactou axiña co 112 Galicia, uns minutos despois da unha da tarde, para dar conta de que atopara unha lancha á deriva cun home tendido no seu interior. Foi a propia persoa alertante quen remolcou a lancha, coa axuda da súa embarcación, ata o porto de Ortigueira. Xa en terra, os servizos médicos tan só puideron confirmar o seu falecemento.

Cómpre salientar que, nada máis ter coñecemento dos feitos, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, dos efectivos do GES de Ortigueira e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.