Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Ferida de consideración unha persoa despois de ser atropelada polo tractor que manexaba ao esquivar un turismo en Beade

Unha persoa foi trasladada nun helicóptero medicalizado despois de ser atropelada polo tractor que manexaba nas proximidades da Igrexa de Beade, en Ourense. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a persoa resultou ferida ao caer do vehículo agrícola cando trataba de esquivar un turismo e o tractor pasoulle por encima.

O 112 Galicia recibiu a alerta do suceso preto das 17:30 horas, a través da chamada dunha persoa particular. Indicaba no seu relato que a persoa accidentada precisaba asistencia sanitaria urxente.

Decontado, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado ata o lugar dos feitos e no que foi finalmente trasladada a un centro hospitalario.

Ademais, desde Emerxencias 112 pasouse o aviso á Garda Civil de Tráfico, aos efectivos do GES de Ribadavia, aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade do Ribeiro e aos Bombeiros do Carballiño.

Dúas persoas trasladadas despois de orixinarse un incendio nunha casa na Pobra de Trives

Un incendio declarado nunha casa de dous andares na Pobra de Trives deixou dúas persoas trasladadas ao  presentar síntomas de intoxicación por inhalación de fume e provocou importantes danos na primeira planta da vivenda.

Os feitos tiveron lugar en Sobrado, na estrada xeral, ao fío das 13:45 horas. Nese momento, o 112 Galicia tivo coñecemento do incendio a través da alerta de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Axiña, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitouse a intervención da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, dos efectivos do GES de Castro Caldelas e dos axentes da Garda Civil.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os servizos de emerxencia finalizaron as labores de extinción do lume preto das 16:00 horas.