Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un motorista perde a vida tras sufrir un accidente co seu vehículo en Salvaterra de Miño

Un motorista faleceu esta tarde no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño tras saírse da vía cando circulaba pola PO-403, á altura da parroquia de Pesqueiras.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ao recibir a chamada de alerta de varias persoas particulares ás 18:15 horas. Segundo a información facilitada polas testemuñas do suceso, o motorista atopábase liberado e accesible pero estaba inconsciente.

De inmediato, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Porriño e ao GES-SPEIS Ponteareas.

Desafortunadamente, unha vez no lugar dos feitos, os equipos de emerxencias tan só puideron confirmar o seu falecemento.

Para garantir as condicións de seguridade na vía, tamén solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento das estradas.

Rescatado en helicóptero un varón tras caer nunha zona de difícil acceso en Panxón, Nigrán

O home foi rescatado a bordo do helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia tras caer nas rochas, nunha zona de difícil acceso en Panxón, no termo municipal pontevedrés de Nigrán.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112 Galicia polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, o varón foi evacuado ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Todo ocorreu preto da unha hora deste mediodía, cando o 112 Galicia tivo coñecemento do suceso a través da chamada de alerta dun familiar. De acordo co seu relato, a irregularidade do terreo dificultaba o acceso ao home ferido.

De inmediato, desde o 112 activouse un operativo que, ademais dos membros de Gardacostas de Galicia, tamén contou coa participación dos profesionais sanitarios, dos membros de Salvamento Marítimo, do GES de Val Miñor e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Ademais, pasouse aviso aos efectivos de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.