Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un home falece en Oza-Cesuras ao caerlle enriba un tractor

Os Bombeiros de Betanzos tiveron que excarcerar á vítima ao quedar atrapada baixo o tractor nunha finca da súa propiedade, situada na Pedreira, en Figueredo, no concello coruñés de Oza-Cesuras.

Ademais dos Bombeiros e do persoal sanitario foron informados os membros do GES de Curtis e a Garda Civil.

Un particular foi quen chamou ao 112 Galicia, sobre as seis e media desta tarde, para pedir axuda. Indicaba que o home estaba atrapado baixo o tractor que lle caera enriba na súa finca.

Nada mais chegar ao punto e, tras liberar ao home, os Bombeiros confirmaron o seu falecemento.

 

O Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA desprazouse a Ponteceso para achicar auga debido ao desbordamento do río Anllóns

O Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da AXEGA desprazouse este mediodía ata Ponteceso cunha bomba de achique de gran caudal e un semiremolque con 16 bombas de achique para aliviar a auga acumulada en numerosas vivendas e outros inmobles anegados a causa do desbordamento do río Anllóns.

Ademais do río Anllóns ao seu paso por Ponteceso, os sistemas de control e observación indican que os ríos Miñor en Gondomar e o Lérez en Pontevedra tamén superaron os limiares establecidos.

Debido a esta situación, a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Inungal ante a posibilidade de que poidan producirse desbordamentos. Deste xeito, continua a vixilancia sobre os ríos en todas as concas galegas que, como consecuencia da situación meteorolóxica, poden experimentar aumentos considerables dos seus caudais e provocar enchentes puntuais.

Co fin de adoptar as medidas de protección necesarias, o persoal do 112 Galicia informou aos servizos de emerxencias da zona.

Cómpre sinalar que esta situación fai necesario o incremento da precaución por parte da cidadanía, especialmente nas estradas ante a posibilidade de atopar bolsas de auga e importantes anegamentos, que dificultan a circulación.

Para iso, pode consultar aquí unha serie de recomendacións que lle axudarán  a minimizar o risco no caso de verse sorprendido pola suba do caudal dos ríos.