Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un ciclista, ferido de consideración ao caer nun camiño nas Pontes de García Rodríguez

Un home precisou asistencia médica esta tarde despois de caer da bicicleta que manexaba nun camiño próximo ao lugar de Espiñaredo, nas Pontes de García Rodríguez.

Para atender ao ciclista ferido, os servizos sanitarios mobilizaron un helicóptero medicalizado ata unha zona próxima ao lugar dos feitos.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ao fío das 18:00 horas, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, axiña, para prestar apoio ao equipo médico desprazado na aeronave, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención de Protección Civil, da Policía Local e dos axentes da Garda Civil.

Un home queda atrapado por unha perna debaixo dun tractor en Oleiros

Un home resultou ferido esta tarde en Oleiros ao quedarlle atrapada unha perna debaixo dun tractor.

Os feitos sucederon nunha leira da parroquia de Dexo, á altura da rúa da Marola, uns minutos antes das 18:00 horas.

Nese momento, o 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través dunha persoa particular e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, de Protección Civil e dos Bombeiros de Arteixo, cuxa intervención descartouse despois de que uns veciños liberasen ao home ferido no accidente.