Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un helicóptero medicalizado evacúa ao camioneiro ferido na Fonsagrada

O condutor dun camión que transportaba madeira foi evacuado nun helicóptero medicalizado ata o Hospital Universitario Lucus Augusti despois de sufrir un accidente no punto quilométrico 56 da LU-530.

Así, tras ser excarcerado polos Bombeiros de Sarria, o camioneiro foi trasladado na aeronave mobilizada polo Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Ademais, tras restablecer as condicións de seguridade na estrada onde tivo lugar o sinistro, o servizo de mantemento confirmou ao 112 Galicia que a vía quedou aberta ao tráfico con total normalidade ao redor das 17:30 horas.

Foi ao fío das 11:00 horas cando o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través dos propios membros de Protección Civil do concello. A partir de aí, os xestores do 112 Galicia déronlle aviso aos Bombeiros de Sarria, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Meira.