Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Falece un home ao envorcar a segadora que manexaba en Ponteceso

Un home perdeu a vida esta tarde en Ponteceso ao quedar atrapado debaixo da segadora que manexaba nun camiño próximo ao lugar de Nemeño.

Foi ao fío das 19:10 horas cando o 112 Galicia recibía a alerta do suceso a través de Urxencias Sanitaria de Galicia-061.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do GES de Ponteceso, dos Bombeiros de Carballo e dos axentes da Garda Civil.

Xa no lugar, e a pesar dos esforzos, os servizos sanitarios desprazados nada puideron facer por salvarlle a vida ao home accidentado.

Un home perde a vida en Santiago de Compostela despois de caer ao patio de luces dun edificio

Un home faleceu esta tarde en Santiago de Compostela despois de caer ao interior dun patio de luces dun edificio situado na Rúa de Fernando III O Santo.

Preto das seis da tarde, o 112 Galicia recibiu a alerta do suceso a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Nada máis ter coñecemento dos feitos, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Policía Nacional, dos Bombeiros de Santiago, da Policía Local e de Protección Civil.

Unha vez no lugar, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Santiago de Compostela abriron paso a través dunha fiestra para que accedesen ao lugar onde atopábase o home precipitado os axentes da Policía e os servizos sanitarios, que nada puideron facer por salvarlle a vida.

Arestora, as forzas da orde tratan de esclarecer as circunstancias do suceso.

Un incendio na cociña dunha vivenda en Burela sáldase cunha persoa trasladada por inhalación de fume

Unha persoa resultou afectada por inhalación de fume despois de declararse un incendio na cociña dunha vivenda en Burela. Segundo os datos recollidos no 112 Galicia, esta persoa tivo que ser trasladada ao Hospital da Costa polos servizos médicos.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos preto das dúas e media da tarde a través dunha persoa particular, que indicaba na súa chamada que o incendio tiña lugar na Rúa do Capela e, axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia alertaron aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo, a Protección Civil da localidade e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que finalmente trasladaron a unha persoa con síntomas de intoxicación por inhalación de fume.

O lume, que foi extinguido polos Bombeiros de Barreiros e os efectivos do GES de Cervo, tamén provocou danos na cociña. Concretamente, ardeu a campá extractora da estancia, a causa dunha tixola esquecida ao fogo.

Incendio nun piso en Santiago de Compostela
Uns minutos despois tiña lugar outro incendio nunha cociña dun piso, esta vez na Rúa do Ulla, en Santiago de Compostela. Neste caso, tamén precisou asistencia médica unha persoa, ao queimarse nun brazo, e tivo que ser trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Foi un veciño quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia ao entrarlle fume no seu piso.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Santiago, da Policía Local e Nacional, de Protección Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.