Unha persoa foi rescatada esta tarde despois de caer a unhas rochas mentres practicaba pesca deportiva con cana preto da praia de Campelo, en Narón.
O helicóptero Helimer 402 de Salvamento Marítimo evacuou ao ferido ao Aeroporto da Coruña, onde unha ambulancia o agardaba para o seu traslado ao Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC).
Todo ocorreu ás 16:15 horas desta tarde, cando o home estaba a pescar con outra persoa, que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, e caeu nunha zona de difícil acceso na Pena Lopesa.
Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención do Servizo de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo, que enviou á zona ao helicóptero de rescate. Foi o persoal da aeronave quen sacou ao pescador das rochas e o trasladou ao Aeroporto da Coruña, onde o recolleu unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Cómpre sinalar que no rescate tamén participaron por terra os Bombeiros de Ferrol e de Narón, os membros do GES de Mugardos e dotacións da Garda Civil e da Policía Nacional.
Desde o 112 Galicia pediuse, ademais, a colaboración doas axentes da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de Valdoviño.