Escuchar
domingo, 21 Xullo, 2019

Unha muller foi localizada sen vida despois de producirse un incendio no seu piso da Rúa Mónaco, en Santiago.

O intenso fume procedente do inmoble alertou aos veciños, que atoparon á ocupante da vivenda falecida no interior.

Eran as 21:30 horas de onte cando o 112 Galicia recibiu a alerta sobre un incendio nun piso ocupado por unha muller na Rúa Mónaco. Decontado, informouse aos servizos sanitarios de urxencia, pero nada puideron facer por salvar a vida da muller de avanzada idade que xacía no interior. 

Por suposto, tamén acudiron os bombeiros da cidade para sufocar o incendio, que, á súa chegada, xa estaba apagado, polo que non foi necesaria a súa intervención. Iso si, no punto permaneceron os axentes de Policía Local e Nacional para continuar coas súas pesquisas e tratar de aclarar as circunstancias do suceso.

Cociña calcinada en Cangas
Ademais, ás 6:30 horas desta madrugada, o 112 Galicia tivo coñecemento doutro incendio urbano en Cangas, que afectou a unha cociña e obrigou aos ocupantes da vivenda a someterse a unha revisión médica debido á inhalación de algo de fume. Así o confirmaron os efectivos do servizo local de Protección Civil da localidade pontevedresa despois de comprobar que o lume estaba apagado. 

Nas tarefas de extinción, tamén colaboraron os Bombeiros do Morrazo e os axentes da Policía Local. 

Arde o forno dunha panadería na Coruña
Por último, sinalar a intervención dos Bombeiros da Coruña para sufocar un lume iniciado no forno dunha panadería. Por fortuna, ninguén resultou ferido e o que se viu afectado foi o illante do forno. 

Este suceso rexistrouse nun establecemento da Rúa Pintor Navarro pasada a medianoite.