Escuchar
sábado, 1 Agosto, 2020

Os servizos sanitarios tiveron que atender in situ ao dono dunha vivenda, tras verse afectado polo incendio rexistrado no alpendre situado ao carón da casa.

Todo aconteceu a pasada noite, eran as 23:30 horas cando unha persoa particular informaba ao 112 Galicia de lapas no interior dunha finca, no lugar de Vilar, en Tomiño. A partir dese momento, outros alertantes tamén comunicaban ao 112 que ardía o recinto dunha casa. Aseguraban que se escoitaban estoupidos e que había xente no interior pero que non eran capaces de contactar con ninguén.

De inmediato, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Miño, que axiña se desprazaron ao punto.  A Garda Civil, efectivos de Protección Civil da localidade e o GES da Garda, tamén foron alertados polo 112 Galicia. De feito, nada mais chegar, os  membros do GES confirmaron que un señor de avanzada idade trataba de apagar o lume e que se vía moi fatigado.

Finalmente, o home que resultou ser o dono da vivenda, non precisou ser trasladado a ningún centro hospitalario pero si foi atendido no mesmo lugar polos profesionais sanitarios.

Segundo informaron os Bombeiros ao 112 Galicia, tras extinguir as lapas, ardeu o alpendre anexo á vivenda con diversos apeiros, un conxelador, unha cociña e outro material que se almacenaba no seu interior. Engadiron, ademais,  que a estrutura do galpón non resultara danada mais que un pouco o tellado de uralita.