Escuchar
mércores, 12 Xuño, 2019

Un incendio declarado nunha casa en Negueira de Muñíz mobilizou aos servizos de emerxencia a pasada tarde. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o lume, que se orixinou nunha estufa, deixou calcinada a vivenda por completo. A pesar diso, os efectivos que traballaron arreo na extinción do incendio lograron que unha casa lindeira non se vise afectada polas lapas.

Os feitos sucederon no lugar de Pena da Nogueira, ao fío das 19:00 horas.

Ata o punto desprazáronse, tras ser alertados polo 112 Galicia, os Bombeiros de Barreiros, os axentes da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil de Negueira, ademais dos servizos de emerxencia de Asturias. Tamén foron informados do incendio os Bombeiros de San Cibrao, os Bombeiros de Sarria e o GES do Pereiro, da Pontenova e de Becerreá.

Segundo puido saber o 112 Galicia, o lume quedou sufocado ao redor das 00:15 horas.

Incendio nunha casa
Por outra banda, en Covelo, un incendio provocou que un anexo a unha casa rematase calcinado por completo. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida.

O lume tivo lugar no lugar de Portocortiñas, uns minutos despois das 21:00 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do incendio.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros do Baixo Miño, do GES e Bombeiros de Ponteareas, da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea.

O incendio quedou extinguido ao fío das 22:30 horas.