Escoitar
mércores, 24 Febreiro, 2021

Os Bombeiros de Monforte de Lemos e os efectivos do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais interveñen arestora na extinción dun incendio orixinado dentro dunha nave na que están a arder rolos de herba seca, neste termo municipal lucense, concretamente na Estrada do Canal.  Segundo a información recollida no 112 Galicia, ningunha persoa resultou ferida nin afectada polo lume nin polo fume.

Foron varias persoas particulares as que contactaron co 112 Galicia para dar conta do incendio ao fío das 16:20 horas e, decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento, ademais, da Policía Local e Nacional, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e, como medida preventiva, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Incendio nun taller mecánico en Vigo
Por outra banda, un incendio declarado no interior dun taller mecánico situado na Avenida de Ricardo Mella, en Vigo, deixou dous vehículos afectados polo lume, sen que se rexistrasen danos persoais.

O 112 Galicia recibiu a alerta do incendio preto das 14:00 horas, a través de varias persoas particulares.

Axiña, para conter o lume e esclarecer as circunstancias do suceso, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Vigo, da Policía Nacional e Local e tamén se alertou, por precaución, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Arde o tellado dunha casa por completo no Incio
Ademais, no Incio, outro incendio calcinou a cuberta superior dunha casa e provocou danos en toda a vivenda. Con todo, non houbo que lamentar danos persoais.

Sucedeu no lugar de Castelo e foi unha persoa que habita na casa quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia uns minutos antes das 16:00 horas. Indicaba na súa chamada que acendera a cheminea e o lume comezou a afectar ao tellado.

A partir de aí, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou o aviso aos Bombeiros de Sarria, á Garda Civil e a Protección Civil da localidade.

O incendio, segundo confirmaron os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Sarria, quedou extinguido preto das 18:45 horas.