Escuchar

Un coche en sentido contrario na ponte de Rande provoca un accidente con dúas persoas excarceradas

Un accidente de tráfico, rexistrado esta noite na ponte de Rande, en Redondela, deixa dúas persoas feridas. Ambas tiveron que ser excarceradas polos efectivos de emerxencia.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 2:00 horas desta madrugada, informando dun vehículo en sentido contrario circulando pola AP-9, en sentido Vigo, que acababa de sufrir un accidente. Segundo detallou o vehículo envorcou tras colidir contra outro.

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertou ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Baixo Miño e aos de Vigo. Tamén se informou ao Servizo de Emerxencias de Redondela e á Garda Civil de Tráfico.

Os efectivos de emerxencia procederon á excarceración das dúas persoas feridas, unha en cada un dos vehículos accidentados. Segundo se lle indicou ao 112, o tráfico na zona mantívose aberto en todo momento. 

 

Dúas persoas feridas na Laracha nun accidente entre catro coches

Unha colisión múltiple, rexistrada na Laracha, sáldase con dúas persoas feridas. No sinistro víronse implicados catro vehículos.

O accidente produciuse no quilómetro 7 da AC-523, a estrada que conecta Cerceda con Ledoño, á altura do Corgo.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 19:40 horas de onte para dar a voz de alarma. Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 informou ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Bergantiños, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Ata o lugar do sinistro foron mobilizadas dúas ambulancias. Finalmente, as dúas persoas feridas foron evacuadas a un centro hospitalario. 

 

Atropelan unha anciá en Val do Dubra

Unha muller de avanzada idade resultou ferida, en Val do Dubra, tras ser arrolada por un vehículo. O sinistro tivo lugar nun paso de peóns da rúa Arcai, xusto enfronte da Casa do Concello.

Unha persoa particular alertou ao 112 Galicia ás 20:00 horas da pasada tarde. Decontado, o persoal da central de emerxencias puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros do Xallas, de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

Neno ferido
Ademais, outro atropelo rexistrado en Mos deixa un neno ferido. O menor foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O accidente ocorreu no polígono de Veiga Baña, nas inmediacións do campo de fútbol das Baloutas.

Foi unha persoa particular a que chamou ao 112 Galicia ás 19:15 horas de onte. Acto seguido, dende o CIAE informouse ao 061, aos Bombeiros do Baixo Miño, ao Servizo de Emerxencias de Mos e á Policía Local.

 

Un curtocircuíto, orixe dun incendio nunha nave en Mos

Un incendio queimou parte dunha nave industrial, en Mos. As lapas calcinaron a cuberta da estrutura, que alberga unha empresa de madeiras.

Foi unha persoa particular a que chamou ao 112 Galicia ás 20:20 horas de onte. Segundo indicou, estaba a arder un lateral da nave, situada en Sanguiñeda, preto da A-55.

Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 alertou aos Bombeiros do Baixo Miño, aos do Morrazo e aos de Vigo, ao Servizo de Emerxencias de Mos, a Protección Civil e á Garda Civil. Por precaución, tamén se alertou ao 061, aínda que os efectivos sanitarios non tiveron que intervir.

O lume quedou sufocado contra as 23:00 horas desta noite. Segundo se lle indicou ao 112, o incendio orixinouse por mor dun curtocircuíto.