Escuchar

Catro persoas afectadas e un Bombeiro lesionado de carácter leve  ao incendiarse unha cociña  en Santiago

Un incendio declarado a pasada tarde na cociña dunha vivenda en Santiago de Compostela deixa catro persoas intoxicadas por inhalación de fume. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, dous dos afectados tiveron que ser evacuados a un centro hospitalario. Así mesmo,  un bombeiro, tamén, aínda que de carácter leve, resultou afectado e foi atendido no mesmo punto polo persoal sanitario.  

Os feitos tiveron lugar na rúa Santiago de Chile, á altura do número sete. Foron varios os particulares que contactaron co 112 Galicia ao fío das 18:00 horas, para pedir axuda. Indicaban que ardía un piso, que vían lapas pola fiestra e escoitaban berros. Ademais,  estaban desaloxando aos inquilinos da vivenda.

Con estes datos, os profesionais do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) informaban de inmediato ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Santiago, á Policía Nacional, á Policía Local e a Protección Civil.

Finalmente, sobre as 20:45 horas os Bombeiros daban por finalizadas as tarefas de extinción. Ardeu, por causas descoñecidas, a cociña na súa totalidade.  

 

Unha colisión por alcance deixa dúas persoas feridas en Dodro

Dúas persoas resultaron feridas tras colidir –por alcance- dous turismos na localidade coruñesa de Dodro. No momento de producirse o accidente, os vehículos circulaban á altura do punto quilométrico 2 da AC-305, concretamente, no lugar de A Cancela Abrea. Un particular foi quen, sobre as 22:15 horas da noite pasada, alertou ao 112 Galicia. Tamén, a esa hora, os servizos sanitarios de urxencia informaban de dúas persoas feridas a causa dun choque por alcance na estrada que une as localidades de Padrón e Dodro.

A partir de aí, dende o CIAE puxéronse os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico e informouse aos Bombeiros de Boiro e aos efectivos do GES de Padrón que, tras chegar ao punto, confirmaron o traslado dos dous feridos en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Unha vez evacuados os feridos e retirados os vehículos da calzada, os membros do GES procederon coas tarefas de limpeza da vía.