Escuchar
Un home faleceu onte en Ordes tras precipitarse dende un balcón
Un home duns 30 anos de idade faleceu onte despois de caer dende o balcón dunha vivenda situada na Rúa Mundito, en Ordes. Os servizos sanitarios de urxencia enviaron ao lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, sen embargo, nada se puido facer por salvar a vida do home. Co fin de facilitar o traballo dos sanitarios, os axentes da Policía Local acordoaron a zona. O CAE 112 Galicia recibiu varias chamadas de particulares arredor das 19:30 horas de onte. O persoal do 112 Galicia activou un operativo no que participaron Urxencias Médicas, Policía Local, Garda Civil e Protección Civil. Polo momento, se descoñecen as causas do suceso.
 
Un traballador resultou ferido grave despois de ser atropelado por un tractor en Vilasantar
O helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela trasladou onte a un operario que resultou ferido tras ser atropelado polo tractor co que traballaba nunha granxa situada no lugar de Cernadas, en Vilasantar. Tras recibir a alerta ás 18:24 horas de onte, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitou a colaboración do GES de Curtis e da Garda Civil. Ademais, debido á gravidade das lesións ocasionadas,  os servizos sanitarios de urxencia mobilizaron ao lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela para a evacuación do ferido.
 
Tres persoas saen polo seu propio pe dun turismo que caeu á auga en Vilanova de Arousa
Un turismo caeu onte ao mar dende a Ponte do Terrón, en Vilanova de Arousa. Os tres ocupantes necesitaron asistencia sanitaria, pese a que saíron do coche polos seus propios medios. A Policía Local confirmou que ninguén máis viaxaba no vehículo, polo que se descartou a mobilización dos servizos de rescate acuático. Unha vez a salvo, os tres feridos foron trasladados por unha ambulancia ao Hospital do Salnés. Ás 18:40 horas de onte, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pediu a colaboración de Urxencias Médicas, Policía Local e Protección Civil.
 
Atenden a unha persoa por inhalación de fume tras incendiarse unha campá extractora en Sada
Unha muller, afectada por inhalación de fume, foi atendida polos servizos sanitarios tras producirse un incendio na súa vivenda situada na Avenida de San Vicente Viqueira, da localidade de Sada. A mesma implicada, chamou ao CAE 112 Galicia para pedir axuda ao redor das 21:30 horas deste luns, e indicou que se queimara unha pota que lle quedara ao lume. Ademais, asegurou que non podía acceder á cociña debido ao fume que había, e que tiña dificultades para respirar. Por iso, o persoal do 112 Galicia, de inmediato, alertou a Urxencias Médicas e aos bombeiros de Betanzos. Así mesmo, se pediu a intervención da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil de Sada que confirmaron que ardeu a campá extractora da cociña e que unha vez extinguido o lume, ventilaron o edificio. A muller, puido ser atendida no mesmo lugar dos feitos polo persoal da ambulancia sen ter que ser trasladada a un centro hospitalario.