Escuchar

Excarcerada unha persoa en Cuntis despois de envorcar co seu coche

Unha persoa foi excarcerada esta mañanciña en Cuntis, despois de que o vehículo no que viaxaba envorcara. A persoa resultou ferida e tivo que recibir asistencia sanitaria. O sinistro produciuse na estrada N-640, nunha zona de curvas á altura de Castro Loureiro. Unha persoa particular contactou co 112 Galicia ás 6:50 horas de hoxe. Explicou que dende a súa posición vía un coche envorcado nun barranco. Segundo apuntou, o vehículo quedara moi danado tras o accidente. O persoal do CAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Médicas, que enviou unha ambulancia, e do GES da Estrada. Efectivos dese corpo desprazáronse ata o lugar do sinistro cun equipo de excarceración para liberar á persoa. No operativo tamén participaron, tralo aviso do 112 Galicia, membros de Protección Civil e da Garda Civil. Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias informaron amais aos Bombeiros do Salnés, aínda que finalmente non tiveron que intervir.