Escuchar

O 112 Galicia rexistra varios accidentes na A-52 en dirección a Ourense

Varios condutores alertaron esta mañá ao persoal do 112 Galicia de distintos accidentes rexistrados na A-52 en dirección a Ourense, entre os quilómetros 222-227. Polo momento, o CIAE ten coñecemento de dúas persoas de avanzada idade que poderían presentar feridas leves, polo que se solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Médicas.

Ata o de agora descoñécense as circunstancias que provocaron estes sinistros, pero a Garda Civil de Tráfico baralla a posibilidade de que se trate de tres colisións producidas en tres puntos diferentes da vía.

Ademais, segundo apuntaron varios dos particulares que contactaron co 112 Galicia para pedir axuda, as colisións puideron deberse a unha mancha de gasóleo na calzada, pois, tal e como indican, percíbese un olor intenso.

Desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración tanto dos servizos sanitarios de urxencia como dos Bombeiros de San Cibrao das Viñas e da Garda Civil de Tráfico, que neste momento está a operar no lugar dos accidentes.

A primeira chamada de alerta recibiuse na central arredor das 8:20 horas de hoxe.

Dous feridos en Cervo
Por outra banda, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias atendeu esta madruga outro accidente na estrada de Viveiro a Burela, á altura do cruce de Alcoa. Neste caso, tratouse dunha colisión entre dous turismos que se saldou con dúas persoas feridas.

Tras recibir a alerta ás 7:30 horas de hoxe, o persoal do 112 Galicia pediu a intervención de Urxencias Médicas, GES de Cervo e Garda Civil de Tráfico.

Tamén foron informados os Bombeiros de Viveiro, aínda que ningún dos feridos necesitou ser rescatado.

Accidente de moto en Vigo
Ademais, o 112 tivo constancia dun motorista ferido en Vigo tras bater contra un turismo na Rúa Numancia.

Segundo explicou o particular que chamou ao 112 para informar do suceso, o motorista esvarou e colidou contra o coche.

O accidente rexistrouse pouco despois da media noite.