Escuchar

Unha persoa ferida tras caer co coche a un río en Santiago

Unha persoa resultou ferida onte á noite nun accidente de tráfico rexistrado en Santiago de Compostela. O vehículo no que circulaba saíuse da vía e acabou caendo a un río.

O accidente produciuse na estrada que vai ao aeroporto da capital, á altura da Lavacolla, na parroquia de Sabugueira.

Unha persoa particular daba conta do acontecido ao 112 Galicia ás 21:30 horas de onte. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias informouse decontado a Urxencias Médicas, aos Bombeiros de Santiago, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

A persoa ferida foi evacuada polos efectivos sanitarios ao Hospital La Rosaleda. Segundo se lle indicou ao 112, o seu estado non reviste gravidade.

 

Buscan un ancián desaparecido en Castro Caldelas

Os efectivos de emerxencia buscan dende onte un ancián de 89 anos desaparecido en Castro Caldelas.

Un fillo do octoxenario chamou ao 112 Galicia ás 23:00 horas de onte para indicar que non sabían nada do seu paradoiro. Segundo explicou, fora visto por última vez na zona da Eirexa, na parroquia de Alais, contra as 18:00 horas.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou decontado á Garda Civil, ao GES de Castro Caldelas e a Protección Civil. Os efectivos mobilizados peitearon a zona durante horas, con resultado negativo. As tarefas de busca retomáronse esta mañá, ao fío das 8:30 horas.

 

Un incendio nunha mercería de Moraña deixa varios danos materiais

Un incendio declarado esta noite nunha mercería de Moraña provocou diversos danos materiais. Segundo se lle indicou ao 112, o lume calcinou o mobiliario e toda a mercancía que había no local. Ademais, causou danos na á estrutura do establecemento. As vivendas situadas enriba da tenda víronse afectadas polo fume.

O edificio no que se declarou o lume sitúase na Rúa 1 da localidade. Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 22:00 horas de onte para explicar o que estaba a ocorrer. Acto seguido, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse aos Bombeiros do Salnés e ao GES da Estrada. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil.

Lume nunha bodega
Por outra banda, en Mugardos, un incendio calcinou o interior dunha adega. O lume afectou a varios bens, entre eles, algún electrodoméstico.

Os feitos tiveron lugar nunha propiedade situada na Gallada de Piñeiro, na parroquia de San Xóan de Piñeiro. Unha persoa particular alertaba da situación ao 112 Galicia ás 19:20 horas de onte.

O persoal da central de emerxencias do 112 informou do incendio aos Bombeiros de Ferrol e ao GES de Mugardos. Tamén recibiu o aviso Protección Civil e a Policía Local.